A Xunta de Goberno aproba as bases das  axudas do PRESCO 2021

A Xunta de Goberno aproba as bases das axudas do PRESCO 2021

  • Categoría de la entrada:PRESCO
  • Distribuiranse máis de 4 millóns en axudas directas para persoas autónomas e microempresas e preto dun millón de euros a través dos Bonos PRESCO
  • O concelleiro de Economía, José Manuel Lage, destaca o esforzo do Goberno por simplificar e axilizar a tramitación das axudas
  • As solicitudes para as axudas poderán presentarse do 1 ao 15 de setembro
  • Os bonos PRESCO estarán activos desde o 15 de setembro ata o 30 de novembro

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe as bases que regulan as axudas a persoas autónomas, microempresas e creadoras/es recollidas no PRESCO 2021 co obxectivo de que se poidan solicitar as axudas do 1 ao 15 de setembro.

As bases aprobadas recollen a aprobación de 4.000.000 de euros en axudas directas para persoas autónomas e microempresas para o pago de cotas da Seguridade Social, mutualidades de autónomos/as, pago de cotas polo persoal a cargo da empresa e alugueiros de locais comerciais de hostalaría ou do sector servizos.

As/os beneficiarias/os poderán solicitar 2.000 euros de axuda en total tendo que elixir entre as diferentes opcións e só terán que presentar unha declaración responsable, o que simplificará e axilizará notablemente os trámites administrativos con respecto a 2020. Ademais as persoas beneficiarias terán a opción de presentar directamente a xustificación do gasto, polo que no caso de cumpriren cos requisitos recibirán o ingreso do 100% da axuda nun só pago.

O concelleiro de Economía, José Manuel Lage Tuñas, destacou o esforzo realizado por todos os grupos para melloraren a convocatoria de axudas de feito que con estas novas bases “as axudas serán moito máis áxiles na súa tramitación e sinxelas de pedir por parte das e dos interesados”.

Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou as bases das axudas á contratación de novo persoal. Poderán optar a esta subvención de 2.500 euros as empresas ou autónomas/os que contrataran persoal entre xaneiro e agosto de 2021 de forma indefinida ou temporal sempre que a duración do contrato sexa de polo menos un ano. Tamén se aprobou a convocatoria de axudas para a creación artística para creadoras/es empadroadas/os na cidade para as modalidades de artes plásticas e escénicas, literatura, audiovisual, fotografía e música. As bolsas teñen un importe máximo de 3.000 euros e inclúen un soporte básico á creación de 600 euros.

Todas estas axudas poderán solicitarse a través da sede electrónica do Concello sede.coruna.gal do 1 ao 15 de setembro de 2021.

O voceiro do goberno destacou que coa aprobación do novo PRESCO “cumprimos co compromiso da alcaldesa, Inés Rey, coa realización dun esforzo especial para lles axudar ás persoas que máis estaban a padecer os efectos da pandemia e creo que hoxe podemos constatar que fomos máis lonxe que ningún outro concello en Galicia e practicamente en España no cumprimento dese obxectivo”.

Bonos PRESCO a partir do 15 de setembro

A Xunta de Goberno Local deulle o visto e prace tamén ás bases reguladoras da utilización dos Bonos PRESCO. Aprobaron 5 tipos de bonos (comercio, hostalaría, salóns de peiteado e estética, taxi e cultura) que lle permitirán a cada cidadá/n dispor de 135 euros para consumir neste tipo de establecementos/servizos. Os bonos xestionaranse a través dunha entidade financeira colaboradora co obxectivo de lles axilizar os pagos aos comerciantes que recibirán semanalmente o importe dos bonos trocados. Os bonos comezarán a funcionar o 15 de setembro e terán vixencia ata o 30 de novembro.
Os establecementos/servizos da cidade poderán adherirse ao programa desde o 6 de setembro e o límite máximo do importe de bonos por establecemento será de 5.000 euros.

Tipo de bonos Descontos aplicables Orzamentos
Bono Comercio 10 euros por cada 30 de compra ata un máximo de 30 euros por persoa 400.000€
Bono Hostalería 40% de desconto desde 10 euros de compra ata 15 euros por persoa 200.000€
Salóns de peiteado e estética 30% a partir de 20 euros de compra ata 20 euros por persoa 100.000€
Bono Mobilidade(Taxi) 30% en viaxes de máis de 6 euros ata 10 por persoa 50.000€
Bono Cultura 30% a partir de 10 euros de compra ata 60 euros por persoa 235.000€